2.2. |
Historia institucional/ Recesión biográfica |
As competencias e funcións do Estado en materia de industria foron, desde mediados do século XIX, desenvolvidas por un ministerio que, segundo o momento histórico, compartiu a súa titularidade coas de traballo, comercio, agricultura ou minas, entre outras.
O seu precedente provincial remóntase, non obstante, ó ano 1924, cando, mediante a Real orde do 25 de xaneiro, se crean os servizos provinciais de inspección industrial que actuarían, ademais, como negociados de industria dos gobernos civís. Máis tarde, no Regulamento orgánico do corpo de enxeñeiros industriais ó servizo do Ministerio de Economía Nacional, do 17 de novembro de 1931, establécense, por primeira vez, unhas xefaturas de industria clasificadas en tres categorías, cambiando a súa denominación pola de delegacións provinciais de industria mediante o Decreto do 9 de maio de 1936.
En 1951, polo Decreto-lei do 19 de xullo, despois da separación das competencias de industria e comercio, ata o momento unidas, créase o Ministerio de Industria cuxa estrutura permanecerá sen cambios ata que o Decreto 2764/1967 do 27 de novembro, sobre reorganización da Administración civil do Estado para reducir o gasto público, establece a integración, en cada provincia, das delegacións de industria e os distritos mineiros nun só organismo.
Tales delegacións foron organizadas, con carácter provisional, mediante a Orde do 1 de febreiro de 1968, contemplando a existencia de dúas seccións: industria e minas, que adquiriron o seu carácter definitivo co Decreto 1713/1972, do 30 de xuño, de reorganización do Ministerio de Industria.
As modificacións que, ó respecto, se fixeron con posterioridade non afectaron no substancial á Administración periférica ata que o proceso autonómico obrigou a un cambio neste sentido. Así, o Real decreto 3317/1981, do 29 de decembro, establece que no territorio de cada Comunidade Autónoma existirá unha Dirección Territorial do Ministerio, agora, de Industria e Enerxía, e direccións provinciais nas provincias que non sexan sede da territorial. |