2.2. |
Historia institucional/ Recesión biográfica |
As oficinas liquidadoras nacen polo Real decreto do 2 de novembro de 1861 polo que la liquidación del derecho de hipotecas correrá a cargo de las Administraciones de Hacienda y en los demás puntos en que radiquen los registros, incluso los puertos habilitados, al de los respectivos registradores. Ós rexistradores da propiedade de cada partido confírmanse como liquidadores-recadadores do imposto de traslacións de dominio mediante a Real orde do 15 de xuño de 1868, pasando a chamarse este imposto de dereitos reais e de trasmisión de bens a partir do 1 de xaneiro de 1873 (Real orde do 28 de decembro de 1872).
Posteriormente, as disposicións de 1900, 1901 e 1907 regulan a liquidación do imposto de transmisións e sucesións e as competencias das oficinas liquidadoras no que se refire á investigación de actos e contratos suxeitos a este. A Lei 11/1964, do 11 de xuño, de reforma do sistema tributario, divide este imposto en dous: imposto xeral sobre sucesións e imposto xeral sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados que se veñen mantendo ata hoxe.
A función de inspección destas oficinas corre a cargo da Avogacía do Estado ata a súa transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia mediante a Lei 31/1983, do 28 de decembro, de alcance e condicións da cesión de tributos do Estado, que determina a asunción, por delegación do Estado, da xestión, recadación, inspección e revisión, no seu caso, destes, de acordo co previsto na Lei Orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiación das comunidades autónomas.
Agás a de Vilagarcía de Arousa, todas xorden en 1861 dado que son cabeza de partido xudicial desde 1834 e, malia as alteracións que algunhas experimentaron neste sentido, nunca deixaron de existir como oficinas liquidadoras con sede nestas poboacións.
A oficina de Vilagarcía de Arousa, pola súa banda, nace a raíz da creación do Rexistro da Propiedade desta praza por segregación do de Cambados, mediante o Real decreto 1141/1984, do 23 de maio, polo que se modifica a demarcación rexistral. Desde entón exerce ditas funcións de xestión e liquidación dos impostos referidos abarcando os termos municipais de Vilagarcía, Vilanova e A Illa de Arousa. |
2.3. |
Historia arquivística |
O ingreso destes fondos documentais no Arquivo Histórico é recente. Desde novembro de 2001, mes no que chega a primeira transferencia procedente da oficina liquidadora de Cambados, entraron gradualmente ó longo dun período de tres anos que finaliza no mes de decembro de 2004.
Mentres, as oficinas liquidadoras de Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis, Redondela e Tui fixeron unha soa transferencia dos seus fondos en novembro de 2002, febreiro de 2003, febreiro e decembro de 2004 respectivamente; a oficina de Cambados realizou unha segunda transferencia nos meses de febreiro e marzo de 2004, atopándose, hoxe, en proceso de organización e descrición xunto co fondo procedente de Redondela.
A oficina de Lalín, pola súa banda, formalizou dúas transferencias nos meses de xuño e de novembro de 2003 e unha terceira no pasado mes de outubro de 2004, estando, así mesmo, en proceso de organización e descrición.
Por último, atópase pendente de iniciar a súa organización o fondo documental da oficina liquidadora de Tui. |