[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
DOMINGO, 17 DE DECEMBRO DE 2017 Páxina de inicio Mapa de contidos Directorio de contacto Directorio telefónico Axudas á navegación
   Está en » depontevedra.es » ..... » Patrimonio Documental » Guía do Patrimonio Documental da Provincia de Pontevedra
Páxina Principal
Patrimonio Documental
Guía do Patrimonio
Documental da Provincia
de Pontevedra
Arquivo Deputación Provincial
Arquivo Histórico Provincial
Arquivos municipais
Arquivos das Entidades Locais Menores
Arquivo da Mancomunidade do Salnés
Arquivos dos Xulgados de Paz
Arquivos Capitular e Histórico Diocesano de Tui
Arquivo da Autoridade Portuaria
de Marín e Ría de Pontevedra
Coleccións documentais do Museo de Pontevedra
Fondo Cárcere Partido Xudicial de Tui
Coleccións documentais da Fundación Penzol
Arquivo do Instituto de Pontevedra
Sánchez Cantón
Arquivos das Irmandades e Cámaras Agrarias

Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte
GUÍA DO PATRIMONIO DOCUMENTAL DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA 

Fondo Arquivo Capitular



Pontifical iluminado (S.XIV). Sala de investigadores e instalacións do Arquivo.
1. Área de identificación
1.1. Código de referencia ES.ACHDT.36055
1.2. Título ARQUIVO CAPITULAR DIOCESANO DE TUI
1.3. Datas 1071-2005
1.4. Nivel de descrición FONDO
1.5. Volume e soporte As unidades de instalación ocupan uns 120 metros lineais de estantes en soporte de pergameo e papel


2. Área de contexto
2.1. Nome do produtor Cabido da catedral de Tui
2.2. Historia institucional/
Recesión biográfica

A Diocese de Tui-Vigo está constituída por un relevo suave de terreo, inzado de pequenas elevacións; o mar baña a metade do seu territorio, sendo o río Miño o que estrutura a súa metade sur. O clima oceánico, con tendencia ás características mediterráneas, permite a variedade de cultivos. É co mundo “castrexo” cando van aparecendo as primeiras referencias históricas dunha comunicación que perdura nas inscricións. Roma chegará a este territorio timidamente, coexistindo a avanzada cultura romana do dereito, a literatura e as artes, coa “cultura” castrexa. Durante o período tardo-románico (séculos IV-V) prodúcese un cambio social e económico na zona. Póboanse as costas con numerosas vilas e renacen as vellas “civitas”, coincidindo a implantación do cristianismo asemade coa do Imperio a partir do famoso edicto de Milán (313).

Segundo a tradición o apóstolo Santiago evanxelizou a cidade de Tui e nomeou o seu primeiro bispo san Epitacio. Con todo, ata mediados do século VI non se ten certeza documental dos bispos tudenses. Grazas ó labor evanxelizador de san Martiño de Dumio o pobo galaico-suevo converteuse ó catolicismo e no ano 572 reuniuse o II Concilio de Braga, no que asina, como sufragáneo de Lugo, o bispo tudense Neufila.

Neste marco histórico nace de forma oficial a diocese de Tui cunha demarcación territorial, segundo o “Parroquial suevo” (ca. 572), que comprendería dende a ría de Vigo deica o río Limia e dende as costas oceánicas ata as montañas da Galicia interior.

A causa das invasións sarracenas e normandas os prelados tudenses víronse obrigados a residiren en Iria, Labruje (Portugal) e Ribas do Sil. Consta que o rei Ordoño II restaurou a diocese en 915 e aínda foi agregada a Santiago en 1024; nembargantes, unha vez despexadas as brétemas invasoras, dona Urraca fixo en 1071 a restauración definitiva. O bispo D. Jorge e os seus sucesores recibiron dos reis títulos e propiedades. Nun privilexio real de 1095 menciónanse os cóengos da igrexa de San Bartolomeu de Rebordáns, o que pode considerarse como comezo do cabido tudense. O historiador Ávila y la Cueva fixa 1138 como ano da creación do cabido por parte do bispo D. Pelayo, quen, ó fundar un mosteiro en Rebordáns, lle puxo a regra de san Agustín, coa axuda de San Teotonio. O rei Fernando II trasladou a poboación en 1170 “a un lugar máis alto e máis seguro”, o emprazamento actual, e outorgoulle ó bispo novas doazóns, o que provocará conflitos entre o consello e a Igrexa tudense (bispos e cabido) ó disputárense o dominio temporal da cidade.

Despois de case un século de traballos na construción do novo templo, por fin o bispo D. Esteban Egea consagra a catedral o 30 de novembro de 1225. Así o testemuña o seu sucesor, D. Lucas de Tui. A predicación, a mediados do século XIII, do dominico frei Pedro González impulsará unha auténtica revolución relixiosa e social en todo o bispado. Á súa morte produciuse un rápido proceso de canonización popular, enumerándose poucos anos despois máis de 180 milagres, que confirmaban a santidade de vida do dominico.

No século XIV prodúcese o esgazamento da metade sur da Diocese que se insería en Portugal, adaptándose os límites diocesanos ós nacionais. Os feitos ocorren na crise do papado durante o chamado Cisma de Occidente; os cóengos e vigairos con xurisdición en Portugal eran favorables á lexitimidade de Urbano VI, mentres que o bispo de Tui, D. Juan Fernández de Sotomayor, e os capitulares tudenses permaneceron leais a Clemente VII, o papa de Aviñón. Por fin, no ano 1452, consumouse a ruptura, pois a colexiata de Valença foi adscrita á diocese de Ceuta e, posteriormente, en 1514, á de Braga, perdendo Tui a zona comprendida entre o río Miño e o Limia.

O bispo D. Diego de Muros celebra no 1482 un sínodo e compón as constitucións de restauración da diocese, que máis tarde serían ampliadas por D. Pedro Beltrán e sobre todo por D. Diego de Avellaneda no sínodo de 1528. O Concilio de Trento supuxo a confimación definitiva da reforma dos mencionados sínodos.

A cultura liberal e ilustrada, que invadiu Europa no século XIX, tamén tivo a súa repercusión na Diocese tudense. E, así, cando en 1813 foron abolidos os señoríos xurisdicionais, o bispo e o cabido víronse obrigados a unha maior concentración na súa misión relixiosa. Tamén a desamortización de Mendizábal (1836) produciu o abandono na Diocese de importantes mosterios, coma o de Santa María de Oia e o de Melón, e a perda dun patrimonio artístico e documental incalculable.

No século decimonónico, por outra parte, tivo un referente cultural sobranceiro na creación do Seminario Conciliar (1850) xa que impulsou a formación do clero diocesano, ofrecéndolles á vez unha brillante preparación a homes da política e da cultura. En 1859 o bispo nado en Tui, D. Telmo Maceira Pazos, puxo en marcha o “Boletín Elcesiástico del Obispado de Tui”, publicación na que aparecen as directrices diocesanas, artigos culturais e noticias relixiosas variadas. En 1959 o papa Juan XXIII pola bula “Quemadmodum impiger” concédelle a dobre titularidade “Tudensis-Vicensis” á Diocese, elevando a rango de concatedral o templo de Santa María de Vigo e trasladando a esta cidade a sé do bispo e mais a do cabido. En outubro de 1970 foron creadas 14 novas parroquias no municipio de Vigo, co que a diocese a conforman arestora 276 pías parroquiais.

2.3. Historia arquivística

A salvagarda dos títulos de propiedade do cabido e da catedral fixo que o seu arquivo fora obxecto de especialísima custodia. Todo parece indicar que en tempos antigos a documentación se conservaba na sala capitular; e a máis prezada gardábase nun arcón de ferro (“burras” se chaman en Portugal), o seu acceso era moi restrinxido, pois pechábase con tres chaves, que gardaban tres prebendados. Todo transcorría con certa normalidade ata que en 1809 as tropas de Napoleón ocuparon a cidade e o arquivo se espallou.

A posterior recuperación do patrimonio bibliográfico e documental, que non se perdera, foi un labor lento e laborioso dos bispos e do cabido de Tui. En 1797, baixo o pontificado de D.Juan García Benito, construírase o pazo de contaduría, que pasados algúns anos sería a sede definitiva do Arquivo Capitular. Por 1923 o eminente investigador Pascual Galindo Romeo, catedrático da Universidade de Santiago e posteriormente da Central de Madrid, levou a cabo a redacción do catálogo dos documentos medievais co propósito de que se producise a súa inmediata publicación. O plano trazado polo profesor Galindo non se cumpriu pois o catálogo non se publicou, pero consérvanse as súas case mil fichas manuscritas, rigorosamente cubertas con referencias precisas á Historia Sagrada do Padre Flórez e a Ávila y la Cueva, nas que describe e identifica os catrocentos pergameos e diversas escrituras dos dous libros Tumbo da catedral e Dos protocolos notariais. No ano 1987 os profesores Joám Trillo e Carlos Villanueva concluíron e publicaron o catálogo completo das composicións musicais da catedral tudense.

En torno a 1983, para mellorar o ordenamento físico do arquivo capitular, habilitáronse novos estantes, e en 1994 o mesmo edificio acolleou tamén o Arquivo Histórico Diocesano.

2.4. Forma de ingreso Por transferencia directa.


3. Área de contido e estrutura
3.1. Alcance e contido A documentación máis antiga sufriu tantos avatares, debido ás guerras e ás invasións, que non é posible calcular as perdas ocasionadas no devir dos séculos. Certamente, a mellor conservada foi aquela que dependía máis directamente do cabido, como son os libros de actas e os libros de apeos dos bens da mesa capitular.
3.2. Valoración, selección e eliminación Non se fai ningún tipo de selección, a non ser para reclasificar os documentos indebidamente incorporados nalgúns legaxos e libros.
3.3. Novos ingresos Son escasos. Cabe mencionar os acordos do cabido e as copias dos proxectos e memorias que entrega o Plan director da catedral.
3.4. Organización

CADRO DE CLASIFICACIÓN

1. ARQUIVO CAPITULAR
1.1 Pergameos
1.1.1. Privilexios, 1071-1480
1.1.2. Bulas pontificias, 1438-1480
1.1.3. Foros, 1071-1480
1.1.4. Protocolos, 1323-1442

1.2 Códices
1.2.1. Pontifical iluminado, s. XIV
1.2.2. Pasionario, s. XII-XIII
1.2.3. Comentario ós salmos, s. XIV
1.2.4. Cantorais, s. XV-XVIII
1.2.5. Tumbos ou Becerros, s. XVI

1.3 Cabido catedralicio
1.3.1. Actas capitulares, 1559-1959
1.3.2. Acordos espirituais, 1607-1846
1.3.3. Libros sinodais (constitucións), s. XV-XVIII
1.3.4. Limpeza de sangue, 1720-1850
1.3.5. Expedientes canonicais e beneficiais, 1575-1921
1.3.6. Capelanías e obras pías, 1600-1750

1.4 Haxiografía
1.4.1. Proceso de San Telmo, 1725-1790
1.4.2. Auténticas de reliquias, 1618-1936
1.4.3. Cerimonial de Alcoba, 1615-1624

1.5 Confrarías
1.5.1. Santísimo Sacramento, 1723-1898
1.5.2. Ánimas, 1665-1959
1.5.3. Doce nome de Xesús, 1678-1812
1.5.4. Virxe da Soidade, 1666-1961
1.5.5. Virxe do Carme, 1731-1781
1.5.6. Virxe das Dores, 1957-1966
1.5.7. San Telmo, 1668-1989
1.5.8. San Bieito, 1688-1959
1.5.9. San Roque, 1682-1892
1.5.10. San Crispín e Crispiniano, 1780-1883
1.5.11. Santo Antón abade, 1916-1950

1.6 Libros administrativos
1.6.1. Libros de fábrica, 1783-1886
1.6.2. Libros de contas, 1625-1927
1.6.3. Inventarios, 1586-1828
1.6.4. Libros de colecturía, 1880-1920
1.6.5. Padroados, 1799-1960
1.6.6. Foros e décimos, 1559-1820

1.7 Fundacións
1.7.1. Capelanías, 1600-1750
1.7.2. Obras pías e aniversarios, 1739-1799

1.8 Documentación notarial
1.8.1. Protocolos notariais, 1334-1870
1.8.2. Preitos, 1730-1800

1.9 Documentación musical, ss. XV-XIX
1.9.1. Libros de facistol (cantorais)
1.9.2. Libros de polifonía
1.9.3. Partituras

1.10 Documentación cartográfica ss. XVII-XX
1.10.1. Mapas
1.10.2. Planos

1.11 Misceláneas
1.11.1. Apuntes biográficos, s. XVIII
1.11.2. Manuscritos de Francisco Ávila y la Cueva, ca. 1850



4. Área de condicións de acceso e utilización
4.1. Condicións de acceso Ós documentos poden acceder os investigadores e todo aquel que xustifique a súa utilización por motivos persoais. Deben atenderse as limitacións das leis vixentes e do Regulamento dos arquivos eclesiásticos españois.
4.2. Condición de reprodución A reprodución está moi limitada para evitar o deterioro e garantir a integridade da documentación. Existen uns impresos para solicitar fotocopias e a reprodución dixital.
4.3. Lingua / escritura(s) dos documentos Latín, galego e castelán.
4.4. Características físicas
e requisitos técnicos
Pergameo e papel, cun bo estado de conservación. Aprécianse bastantes perdas de documentos.
4.5. Instrumentos de descrición Ficheiro temático, guías e inventarios, parcialmente informatizados.


5. Área de documentación asociada
5.1. Existencia e localización dos documentos orixinais Arquivo Histórico Nacional. Arquivo Historico Provincial. Museo de Pontevedra. Arquivo Histórico Diocesano. Arquivo da Curia Diocesano. Fundación Penzol.
5.2. Existencia e localización de copias Non se coñecen.
5.3. Unidades de descrición relacionadas Arquivo Vaticano. Arquivo Histórico Nacional. Museo de Pontevedra. Arquivo Capitular de Ourense. Arquivos parroquiais. Arquivo da Curia Diocesana.
5.4. Nota de publicacións FRANCISO ÁVILA Y LA CUEVA, Historia civil y eclesiástica de la ciudad de Tuy y su obispado, Tui 1852 [edición facsímil, 1995], 4 vol.
PASCUAL GALINDO ROMEO, Tuy en la baja Edad Media (Zaragoza-Madrid 1923)
HERMELINDO PORTELA SILVA, La región del obispado de Tuy en los siglos XII al XV, Santiago de Compostela 1976.
MARTA CENDÓN FERNÁNDEZ, La catedral de Tuy en época medieval, [Pontevedra 1995].
ERNESTO IGLESIAS ALMEIDA, Arte y Artistas en la antigua Diócesis de Tui, Tui 1989.


6. Área de notas
6.1. Notas O Arquivo Capitular comparte sede co Arquivo Histórico Diocesano, e como poden considerarse arquivos vivos, a curto prazo quedará colapsado. Por iso se informou ó Plan Director da catedral da necesidade dun novo edificio ou da ampliación dos espazos do actual. Parece que os proxectos se decantan pola segunda opción.


7. Área de control da descrición
7.1. Nota do arquiveiro Avelino Bouzón Gallego, director. Roberto Fernández Díaz, auxiliar.
7.2. Regras ou normas General International Standard Archival Description, Second Edition, ISAD (G)
7.3. Data da descripción Febreiro de 2005

Portada | Páxina Anterior | Páxina Seguinte

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 21/03/2005 14:25
Copyright © 2002-2017, Deputación de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. | Aviso Legal
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/