[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
MARTES, 11 DE DECEMBRO DE 2018
   Está en » depontevedra.es
Páxina Principal
Ordenanzas
Ordenanzas 2005
Deputación de Pontevedra
Impostos
Taxas
Prezos públicos
Padroado de Turismo
Escola de Canteiros
Patrimonio da Deputación
Historia
Organismos Autónomos
Atención ó cidadán

Páxina [1] 2
ORDENANZAS 2005 

Ordenanza reguladora da taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público provincial

ARTIGO 1. NATUREZA E FUNDAMENTO

    O Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra, no uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución, polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril (LRBRL) e o artigo 132 do RDL 2/2004, de 5 de marzo (TRLRHL), e de conformidade co disposto nos artigos 15 ó 19 do TRLRHL, acorda a imposición e ordenación da taxa pola utilización provativa ou aproveitamento especial de dominio público provincial.

    Esta taxa ten por obxecto compensar ó común dos cidadáns das limitacións que no uso do dominio público provincial se impoñen polas utilizacións privativas ou os aproveitamentos especiais do dominio público por parte das persoas físicas ou xurídicas que realizan ditos aproveitamentos.

ARTIGO 2. FEITO IMPOÑIBLE

    Constitúe o feito impoñible da taxa a utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público provincial e, en particular, polos supostos que se citan no artigo 20.3 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo.

    Non están suxeitos a esta taxa os aproveitamentos realizados polos entes públicos territoriais e os seus organismos públicos dependentes, sempre que se trate de aproveitamentos para prestar servizos básicos para o desenvolvemento normal da vida dos cidadáns. Así mesmo, non están suxeitos ós aproveitamentos realizados por persoas particulares ou asociacións de veciños cando se trate de servizos básicos para o desenvolvemento normal da vida destes (auga, saneamento, etc.).

ARTIGO 3. SUXEITOS PASIVOS

  1. Son suxeitos pasivos desta taxa, en calidade de contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades referidas no artigo 35.4 da Lei 58/2004, de 17 de decembro (LXT) que soliciten ou resulten beneficiadas ou afectadas polos servizos ou actividades a que fai referencia o artigo anterior.
  2. No suposto de utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público provincial con entrada de vehículos ou carruaxes a través das beirarrúas, serán suxeitos pasivos substitutos do contribuínte os propietarios dos terreos e locais ós que dean acceso as ditas entradas de vehículos, que poderán, no seu caso, repercutir as cotas sobre os respectivos beneficiarios.

ARTIGO 4. RESPONSABLES

  1. Serán responsables solidarios das obrigas tributarias dos suxeitos pasivos as persoas físicas e xurídicas referidas nos artigos 41 e 42 da Lei xeral tributaria.
  2. Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que se sinala no artigo 43 da Lei xeral tributaria.

ARTIGO 5. COTA TRIBUTARIA

    As cotas desta taxa fixaranse tomando como referencia o valor de mercado correspondente ou da utilidade derivada dos aproveitamentos que se realicen. A determinación do valor de mercado ou a utilidade dos aproveitamentos farase calculando o custo financeiro que suporía a retribución do capital necesario para adquirir terreos de similares características e análoga situación; para iso, aplicarase un 5 por cento, en concepto de interese estimado a longo prazo, sobre os valores estimados do metro cadrado e lineal do dominio público provincial; valores que se cuantifican no informe dos servizos técnicos provinciais; obtéñense así, as cantidades máximas por metro lineal e cadrado que se poderán cobrar por cada aproveitamento.

    A cota desta taxa será a que figura no anexo desta ordenanza.

ARTIGO 6. BENEFICIOS FISCAIS

    Só se admitirán os que veñan establecidos en normas con rango de lei ou deriven de tratados ou acordos internacionais.

ARTIGO 7. PERÍODO IMPOSITIVO E DEVENGO

    O período impositivo será anual para todo tipo de aproveitamentos. Non obstante, se o aproveitamento é por período inferior ó anual pódense prorratear as tarifas por meses.

    O devengo desta taxa poderá ser:
    1. Devengo puntual. Devéngase a taxa e nace a obriga de contribuír cando se inicie uso privativo ou o aproveitamento especial, se ben se esixirá en calidade de depósito previo no momento de presentarse a solicitude de concesión, licencia ou autorización para realizar o aproveitamento do dominio público provincial. O aproveitamento non se poderá autorizar en tanto non se ingrese o depósito previo.
    2. Devengo periódico. Cando se trate de aproveitamentos que teñan unha duración superior a un período, devengarase a taxa o 1 de xaneiro de cada ano a partir do segundo período (xa que o primeiro se devengará no momento da solicitude), e o período impositivo comprenderá o ano natural, salvo nos supostos de inicio e cese no aproveitamento, sen que proceda o rateo das cotas.

ARTIGO 8. LIQUIDACIÓN

  1. Liquidación puntual. Liquidarase a taxa unha vez presentada a solicitude de concesión, licencia o autorización para realizar o aproveitamento do dominio público provincial, e antes de proceder á tramitación do expediente de concesión do aproveitamento.
  2. Liquidación periódica. As liquidacións correspondentes ós aproveitamentos periódicos realizaranse mediante o sistema de matrícula ou padrón, que se deberá aprobar no primeiro trimestre de cada exercicio.
    Se se realiza o aproveitamento ou utilización do dominio público provincial sen licencia procederase a liquidar e notificar a débeda, esixíndose o ingreso nos prazos previstos no Regulamento xeral de recadación para as liquidacións de contraído previo, sen prexuízo da apertura do oportuno expediente sancionador por infracción tributaria.

ARTIGO 9. INGRESO

    O ingreso da taxa poderase realizar:
    1. Nas liquidacións puntuais. No momento de presentar a solicitude, ou unha vez recibida a notificación da liquidación, pero, en todo caso, con anterioridade á concesión da autorización do aproveitamento.
    2. Nas liquidacións periódicas. Nos prazos que se sinalen no edicto de exposición pública no Boletín Oficial da Provincia ou, no seu defecto, nos que se sinalen na notificación da liquidación.
    O pagamento desta taxa realizarase na Tesourería provincial ou nas entidades financeiras sinaladas na notificación da liquidación ou no edicto de exposición pública da matrícula ou do padrón. O ingreso do depósito previo realizarase, en todo caso, con anterioridade á concesión do aproveitamento.

ARTIGO 10. INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

    Nesta materia estarase ó disposto na Lei xeral tributaria e na normativa de desenvolvemento.

ARTIGO 11. NORMAS DE XESTIÓN

    As persoas ou entidades interesadas na concesión de autorización ou licencia para realizar os aproveitamentos sobre o dominio público provincial ó que fai referencia esta taxa deberán presentar unha solicitude achegándolle o plano, detalle da lonxitude ou superficie do aproveitamento e da súa situación dentro do termo provincial. Antes de que se autorice ou se conceda a licencia, a persoa ou entidade interesada no aproveitamento aboará o importe da taxa en calidade de depósito previo.

    O Servizo de Vías e Obras examinará o expediente e comprobará a realidade dos datos da solicitude. Posteriormente, remitirallo á sección de Recursos Económicos para proceder á oportuna liquidación, que se lle notificará ó interesado/a para que o aboe antes de retirar a autorización ou licencia.

    No caso de denegarse as autorizacións, os interesados poderán solicitar a devolución da taxa ingresada en calidade de depósito previo.

    O depósito provisional non implica ningún dereito e non faculta para realizar os aproveitamentos solicitados.

DISPOSICIÓN FINAL

    O acordo de aprobación inicial de modificación desta ordenanza adquiriu carácter definitivo o día 16 de decembro de 2004.

    As modificacións desta ordenanza fiscal entrarán en vigor e aplicaranse a partir do día 1 de xaneiro de 2005. permanecendo vixente ata a súa modificación ou derrogación expresa.

Páxina Seguinte Páxina [1] 2

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 04/01/2005 13:14
Copyright © 2002-2018, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/