[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
VENRES, 29 DE MARZO DE 2024
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Taboleiro de anuncios » Novas do Plan Estratéxico
Páxina Principal
Taboleiro de anuncios
Boletín Oficial da Provincia
Emprego Público
Subvencións, axudas, bolsas...
Perfil do contratante
Cursos
Extractos do Pleno
Extractos da
Xunta de Goberno
Decretos Presidenciais
Notas de Prensa
Novas do Plan Estratéxico
Axenda

NOVAS DO PLAN ESTRATÉXICO 

O equipo redactor do Plan Estratéxico provincial está a realizar enquisas a tódolos grupos municipais

Este verán rematará a fase de Diagnóstico e na vindeira primavera presentará o documento final



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Plan Estratéxico Provincial 2010

06 XULLO 2004


O equipo redactor do Plan Estratéxico da Deputación de Pontevedra, composto por profesionais da Escola de Negocios para as Administracións Públicas de Caixanova, presentou onte as primeiras liñas de traballo que se están a levar a cabo para a elaboración deste documento que, en palabras de Adolfo Neira e Fernando Martínez Valdueza e segundo expreso desexo do presidente da Deputación, será un documento para a adaptación da institución provincial ás novas necesidades de futuro.

Neira e Martínez artellaron a súa exposición en dúas partes: por unha banda recolleron as xeneralidades do proxecto, cómo xurdiu, cales son os seus compromisos e as orientacións xerais e, por outra banda, expuxeron o enfoque e a metodoloxía que están a seguir para redactar o proxecto.

Polo que se refire á orixe da iniciativa de redacción dun plan estratéxico para a institución provincial, os dous relatores insistiron en que parte do mesmo discurso de investidura de Rafael Louzán e que, precisamente, esta vontade política “correspóndese cun liderado claro para que este documento sexa unha ferramenta para modernizar a Deputación, achegala ós municipios e ós cidadáns e non quede só nun texto para as bibliotecas”.


LIÑAS E OBXECTIVOS

Tamén apuntaron Neira e Martínez as características e obxectivos que recollerá o plan, dende o liderado da Deputación de Pontevedra, sen ambigüidades, ata a importancia da participación municipal na planificación, pasando pola necesidade de contemplar perspectivas supramunicipais e supraprovinciais, a integración dos Plans Estratéxicos de Vigo e Pontevedra e a participación universitaria como exercicio de responsabilidade e enriquecemento técnico.

No que respecta á elaboración do Plan Estratéxico, o plan de traballo está articulado en catro fases: descrición e diagnóstico, formulación estratéxica, deseño normativo e elaboración final dun documento con aspectos operativos que permitan a súa aplicación.


FASES DO TRABALLO

Actualmente se está a traballar na fase de diagnóstico mediante grupos de escoita que están a traballar con técnicos e persoal da Deputación e, sobre todo, tomando nota das percepcións nos concellos da provincia a través dunhas enquisas que se lles están realizando a todos os grupos de goberno e da oposición en todas as corporacións municipais da provincia.

Esta enquisa inclúe tres bloques principais: cales son os problemas; valoración e posición global na provincia e relación entre concello e institución provincial. O diagnóstico remataráse este verán e o equipo redactor prevé que o Plan estea finalizado na primavera do ano que vén.

Esta fase do traballo complétase coa análise de indicadores doutros plans estratéxicos tanto na provincia como en Galicia, tendo en conta que a única institución provincial galega que hoxe en día dispón de plan estratéxico é a de Ourense.


NOVE ÁREAS DE ACTIVIDADE

As seguintes liñas de actuación serán unha análise do entorno xeral que lle será encargado a expertos universitarios da Universidade de Vigo –o Pleno da Deputación acordou que a Universidade tivese un papel activo na redacción do plan- e a creación de mesas sectoriais para definir as liñas de traballo concretas. Deste xeito, os expertos realizarán a diagnose de nove novas áreas de actividade que van dende o territorial ata a mobilidade ou a imaxe turística e daráselle voz a representantes dos principais sectores e económicos da provincia para que apunten as súas percepcións.

Finalmente, os redactores do Plan Estratéxico da Deputación de Pontevedra apuntaron que o documento resultante será o reflexo dunha vontade de acción, no que se terán en conta o novo escenario que está a xurdir para as administracións locais e as competencias que a normativa vixente reserva ás deputacións: fomentar a cooperación, o desenvolvemento económico e social e a planificación territorial dos municipios da provincia.





INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 30/11/2004 11:14
Copyright © 2002-2024, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/