2.2. |
Historia institucional/ Recesión biográfica |
O territorio do concello da Estrada sitúase no norte da provincia de Pontevedra, lindando cos concellos de Padrón, Teo, Vedra e Boqueixón, da provincia da Coruña, e cos de Silleda, Forcarei, Cerdedo, Campo Lameiro, Cuntis, Valga e Pontecesures, da provincia de Pontevedra. Ocupa unha superficie superior ós douscentos sesenta e oito quilómetros cadrados, con catrocentas setenta e tres entidades de poboación, dispersas nas súas actuais cincuenta e unha parroquias: Agar, Aguións, San Pedro de Ancorados, San Tomé de Ancorados, Arca, Arnois, Baloira, Barbude, San Miguel de Barcala, Santa Mariña de Barcala, Berres, Callobre, Castro, Cereixo, Codeseda, Cora, Couso, Curantes, A Estrada, Frades, Guimarei, Lagartóns, Lamas, Liripio, Loimil, Matalobos, Moreira, Nigoi, Oca, Olives, Orazo, Ouzande, Parada, Paradela, Pardemarín, Remesar, Ribeira, Ribela, Riobó, Rubín, Sabucedo, Santeles, A Somoza, Souto, Tabeirós, Toedo, Santo André de Vea, San Xiao de Vea, San Xurxo de Vea, Santa Cristina de Vea e Vinseiro, nas que residen máis de vintecinco mil habitantes.
Esta área xeográfica formou parte da provincia de Santiago ata a división constitucional e a reforma posterior, que derivou na súa inclusión definitiva na provincia de Pontevedra. O seu territorio dependía daquela das xurisdiccións de Cira, con señorío do conde de Altamira; da xurisdicción de Codeseda, con señorío do Cabido de Santiago; da xurisdicción de Oca, con señorío do conde de Amarante; da xurisdicción de Tabeirós, con señorío do arcebispo de Santiago; da xurisdicción de Vea, con señorío do arcebispo de Santiago; da xurisdicción de Veiga, con señorío do Cabido de Santiago, e da xurisdicción do Viso, con señorío do marqués de Aranda.
Chegaron a funcionar neste territorio os concellos de Bemposta, A Estrada, Codeseda, Parada, Oca e Vea. Iniciado o proceso de constitución dos concellos no século XIX, dentro do partido xudicial de Tabeirós créanse os concellos de Cereixo, Forcarei e Cerdedo.
O concello de Cereixo mantén dende entón a mesma disposición territorial anque cambiará a súa denominación e capitalidade pola da Estrada no ano 1841. Á súa vez o partido xudicial cambia a súa denominación no ano 1869 pasando de chamarse Tabeirós a denominarse A Estrada. |
2.3. |
Historia arquivística |
A casa do concello é unha destacada construcción, exenta, en pedra construída nos primeiros anos do século XX, inaugurada en 1912.
Distribúese interiormente, logo de sucesivas reformas, en baixo, tres plantas e baixo cuberta, mentres que o exterior mantén a súa estructura orixinal, na que destaca a profusión de vans, o corpo central con cinco arcos de medio punto que serven de acceso e a torre lateral abovedada.
O local dedicado a arquivo viña ocupando a práctica totalidade do baixo cuberta, con dúas amplas salas de depósito e despacho para o persoal e cunha pequena sala na terceira planta que lle servía de complemento. Todas estas instalacións contaban cunhas boas condicións de habitabilidade, luminosidade e ventilación e uns equipamentos axeitados.
En todo caso o elevado volume documental provocou a busca de novos espacios para a custodia do patrimonio documental decidindo o Concello a construcción dunha edificación na que se dedica unha planta completa a arquivo, con dúas zonas de depósito e un despacho na parte central, dotada de estantería compactada.
A primeira actuación para a organización dos fondos documentais levouse a cabo nos anos 1985-1987, data a partir da cal se acometeron novos procesos de reincorporación, así como de informatización e adaptación ó novo cadro de clasificación usado na actualidade, incluído o traslado de local nos anos 2002, 2003, 2005, 2007, 2009 e 2010.
Os traballos de organización e descrición documental, baixo a dirección técnica do STPDOC e da funcionaria municipal adscrita a esta función, leváronos a cabo: María Jesús Fernández Bascuas José Manuel Castaño García Antonio J. María Fortes Campos María Eugenia Valenzuela Senn Vanessa Lardo Guiance Raquel Torres Fernández Dolores Ríos Valiñas |