[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
VENRES, 29 DE MARZO DE 2024
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Acción Social
Páxina Principal
Servizos
Acción Social
Áreas de traballo
Xuventude, infancia e familia
Muller
Persoas maiores
Servizos Sociais especializados
Impresos
Guía do Servizo de Acción Social
Ligazóns
Teléfonos de contacto

ACCIÓN SOCIAL 

Deputación de Pontevedra

SUBVENCIÓNS DIRIXIDAS ÁS ENTIDADES DE INICIATIVA SOCIAL NO MARCO DA PRESTACIÓN DE SERVIZOS SOCIAIS DE ATENCIÓN ESPECIALIZADA
2012

solicitude | Proxecto
Declaración | Baremos
Acreditación do cargo
Conta xustificativa

Bases

PRIMEIRA. Obxecto e destinatarios
A finalidade da convocatoria é apoiar as entidades de iniciativa social, organizacións ou institucións non gobernamentais que xestionan centros ou desenvolven actuacións e programas de servizos sociais sen ánimo de lucro. Non será suficiente para considerar que carece de ánimo de lucro o feito de que esas entidades perciban contraprestacións das persoas usuarias, sempre e cando da análise das súas contas anuais se deduza que non obtiveron beneficio.

Estas entidades deberán contar cunha sede social ou delegación permanente e continua na provincia de Pontevedra.

Non serán obxecto das subvencións desta convocatoria: a) As solicitudes presentadas por asociacións de carácter profesional b) As peticións dirixidas a pagar os locais (propios ou alugados) c) As peticións promovidas por entidades que non xustificasen subvencións de exercicios anteriores

SEGUNDA. Accións e gastos para subvencionar
Debido á precaria situación económica pola que están a pasar moitas entidades sociais nestes momentos, convócanse unhas bolsas de axuda, ademais das accións formativas que se viñan subvencionando, para contribuír a paliar os gastos correntes das actividades que teñen continuidade durante todo o ano. Só se poderán financiar os gastos derivados das accións que se desenvolvan durante o ano 2012, desde o 1 de marzo ata o 30 de novembro, e dentro dos seguintes apartados :

  • 2.1. Accións formativas Considéranse accións formativas as dirixidas a un grupo estable de persoas, como norma xeral non superior a 20. Só se subvencionarán os cursos de entre 100 e 300 horas de duración. O profesorado deberá ter unha formación específica, a cal constará no documento “Proxecto”, apartado 4.
    1. Accións formativas para a integración laboral dos usuarios das entidades de iniciativa social
    2. Accións formativas para a integración sociofamiliar dos usuarios das entidades de iniciativa social
    3. Accións formativas para familiares dos usuarios obxecto de atención das entidades de iniciativa social, coidadores e outros axentes sociais
  • 2.2. Bolsa de axuda para os gastos correntes derivados das actividades que se desenvolven todo o ano

Enténdese por gastos correntes os referidos a material funxible (folios, carpetas, bolígrafos…), facturas ou recibos de luz, auga, gas, teléfono, etc., expedidos contra a dirección da sede social da entidade de iniciativa social. As bolsas de axuda terán unha cantidade fixa, salvo que a xustificación dos gastos sexa por un importe inferior, o cal repercutirá no importe da subvención.

Para optar a estas bolsas de axuda será preciso presentar unha memoria na que se demostre a actividade diaria e continuada da entidade, achegando unha relación de participantes. Tamén será obrigatorio ter persoal contratado, polo menos, durante un período mínimo de 6 meses durante o exercicio do 2012; para isto será preciso presentar o contrato de traballo e, no seu momento, as nóminas e o impreso TC2 da persoa ou persoas contratadas para o desenvolvemento de tarefas propias da entidade á que presta os seus servizos. Os gastos de persoal non serán computables para a xustificación das bolsas de axuda.

TERCEIRA. Financiamento
A contía prevista para esta convocatoria de subvencións con cargo á aplicación 12/230.233.480.02 ascende a 325 000 €, que representa o máximo de obrigas que se poden adquirir con cargo a esta convocatoria, mentres non se amplíe o crédito da aplicación.

No caso de que o número de solicitudes supere o orzamento teranse en conta as seguintes prelacións:

  1. Proxectos de formación laboral
  2. Proxectos de formación para a integración sociofamiliar
  3. Proxectos de formación para coidadores e outros axentes sociais
  4. Bolsas de axudas para gastos correntes

CUARTA. Requisitos das entidades de iniciativa social

  1. Estar na actualidade legalmente constituídas e rexistradas como entidades prestadoras de servizos sociais no rexistro da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e desenvolver a súa actividade na provincia de Pontevedra.
  2. Non incorrer en ningún dos casos de prohibición para recibir subvencións previstos no artigo 13 da Lei xeral de subvencións de 2003.
  3. Presentar un só proxecto (se algunha entidade presenta varios proxectos só un será seleccionado).
  4. Facer constar en toda a publicidade relativa á actividade subvencionada a colaboración da Deputación de Pontevedra segundo as instrucións do Departamento de Imaxe Corporativa da Deputación (imaxe@depo.es ).

QUINTA. Concesións
Para beneficiarse dalgunha subvención desta convocatoria as entidades deberán ter xustificadas si as que lle fosen concedidas nos anos anteriores.

A concesión realizarase polo réxime de concorrencia competitiva; a instrución correspóndelle ó Servizo de Acción Social e a concesión á Xunta de Goberno.

O prazo para a resolución do procedemento será de seis meses desde a publicación da convocatoria, e esta pon fin á vía administrativa. De transcorrer este prazo sen que lle fose comunicada a concesión, a subvención entenderase desestimada por silencio administrativo.

SEXTA. Documentación
Presentarase no rexistro da Deputación ou nos rexistros e lugares designados no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Todos os modelos da documentación poderán descargarse da páxina web da Deputación:

  • Modelo 230.006 de solicitude de subvención dirixida a entidades de iniciativa social no marco da prestación de servizos sociais especializados. Xuntarase a documentación solicitada no apartado 3 dese impreso.
  • Modelo 230.036 de acreditación do cargo do representante legal da entidade.
  • Modelo 230.007 de proxecto de acción formativa de entidades de iniciativa social para proxectos enmarcados nos servizos sociais especializados. Deberá achegar un breve resumo do proxecto segundo o apartado 4 do anexo (soamente para as accións formativas).
  • Modelo 230.008 de declaración de axudas.

A falta da documentación solicitada poderá corrixirse nun prazo de 10 días polo que, de non ser así, transcorrido o citado prazo, entenderase rexeitada a solicitude. Os cambios da Xunta Directiva da Asociación deberán comunicárselle ó Servizo de Acción Social da Deputación.

SÉTIMA. Prazo de presentación
O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ó da publicación das bases no BOP.

OITAVA. Contía das subvencións
Concederanse as subvencións ata esgotar o orzamento, sen prexuízo dun incremento de crédito, seguindo os criterios expostos na cláusula 2ª, polo que as contías máximas que se van subvencionar no caso das actividades formativas, excepto se existe a contratación dalgún usuario por un período mínimo de seis meses, serán:

  1. Para proxectos formativos dirixidos á integración laboral das persoas que se van formar: ata 6.000,00 € (aplicación baremo 1). Nesta cláusula engadiranse 300 € por usuario contratado, destinados á asociación, se os contrata unha empresa ordinaria ou a Administración, unha vez rematado o curso, por un período mínimo de 6 meses. Reservarase para tal fin un máximo de 2.100 euros, o que supón 7 contratos dentro dos proxectos formativos dirixidos á integración laboral.
  2. Para proxectos de formación para a integración sociofamiliar das persoas obxecto de formación: ata 4.000,00 € (aplicación baremo 2).
  3. Proxectos formativos de familiares afectados, coidadores e outros axentes sociais: ata 2.000 € (aplicación baremo 3).

A contía das bolsas de axuda para os gastos correntes derivados das actividades que se levan a cabo todo o ano nas entidades de iniciativa social ascende a un máximo de 1.000 euros, sempre e cando a xustificación dos gastos acade esa cantidade.

NOVENA. Modificación das subvencións
Unha vez recaída a resolución da concesión por causas xustificadas, e respectándose os requisitos desta convocatoria, poderase solicitar o cambio da subvención (contido, nomenclatura da actividade, reformulación de horas lectivas).

DÉCIMA. Xustificación e pagamento
As entidades ás que se lles conceda unha subvención deberán xustificar a actividade antes do 8 de decembro.

Para poder percibir a subvención o perceptor terá que acreditar que non ten débedas coa facenda provincial e xustificar as medidas de difusión do financiamento público da actividade. Individualmente, logo da solicitude e exposición de causas, o órgano competente poderá conceder unha prórroga para o remate da actividade ata o 30 de xaneiro de 2013 e a xustificación ata o 15 de febreiro. Neste período non se poderá realizar máis dun terzo do número total de horas recollidas no proxecto.

Para xustificar o cumprimento e o posterior pagamento da subvención é preciso:

  • Modelo 100.001 de conta xustificativa, achegando os gastos polo importe da subvención concedida pola Deputación con facturas, recibos e demais documentos fidedignos que reúnan os requisitos legais, especificando os gastos por conceptos e sinalando por cada un deles os prezos unitarios e o prezo total do concepto.
  • Certificación bancaria
  • Memoria explicativa, asinada e selada, do desenvolvemento do proxecto na que se inclúan os modelos da publicidade da subvención, atendendo ós criterios marcados polo Departamento de Imaxe Corporativa da Deputación. No caso de que estean contratados nunha empresa ordinaria ou na Administración achegarase a copia do contrato dos alumnos.

DÉCIMA PRIMEIRA. Reintegro
O beneficiario deberá reintegrarlle a cantidade percibida á Deputación no caso de non cumprir total ou parcialmente o obxectivo, de modificar a finalidade para a que foi concedida a subvención sen autorización expresa para iso ou de incumprir algunha das cláusulas fixadas nesta convocatoria.

DÉCIMA SEGUNDA. Infraccións e sancións
Aplicaranse as establecidas nos artigos 52 e seguintes da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.

DÉCIMA TERCEIRA. Control
Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control financeiro que leve a cabo a Deputación de Pontevedra e ás previstas na lexislación do consello de contas; así mesmo terán que facilitar toda a información que se lles requira.

DÉCIMA CUARTA. Dereito supletorio
En todo o que non se dispoña nas presentes bases, estarase ó que se establece na Lei 38/03 xeral de subvencións e na demais lexislación de pertinente aplicación. Os anexos referidos nestas bases para a solicitude de subvencións poderán atoparse na páxina web da Deputación www.depo.es.



Boletín Oficial da Provincia, data 26-03-2012, número 60, páxina 4, anuncio 2012002873.
INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 27/03/2012 12:46
Copyright © 2002-2024, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/