[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
XOVES, 21 DE NOVEMBRO DE 2019
   Está en » depontevedra.es » ..... » ..... » ..... » Servizos » Outros arquivos de organismos públicos » Irmandades de Labradores » Rodeiro » Local
Páxina Principal
Patrimonio Documental
Patrimonio Documental Provincial
Irmandades de Labradores
Rodeiro
Ficha técnica
Fondo. Norma ISAD(G)
Introducción
Local
Documentación
Cadro de clasificación
Inventario
Arquivo gráfico

Páxina 1 2 3 [4] 5 6 7 8 9
RODEIRO 

O local

As premuras económicas á hora de desenvolver os cometidos propios das Irmandades sindicais de agricultores e gandeiros, sobre todo no período de carestía no que se encadran os primeiros anos do seu funcionamento, fixo que no caso de Rodeiro, igual ca noutros moitos, tivesen a necesidade de alugar uns locais que lle permitisen dispoñer dunhas dependencias axeitadas ás súas necesidades.

Así, nun primeiro momento, o sindicato estivo situado nos baixos dunha casa de Rodeiro, á beira da estrada que conducía a Río. Dado que non había espacio suficiente tiveron que alugar noutros lugares da vila outras dependencias como taller de artesanía e almacén.

Nesta situación mantívose ata que, xa en período serodio e tras a previa cesión da corporación municipal en 1969 dun soar da súa propiedade na actual rúa B, procedeuse á construcción dunha Casa da Irmandade de titularidade propia rematada no ano 1972 e financiada cos fondos dos afiliados e con axudas e subvencións procedentes de diversos organismos agrarios, o cal demostra o interese local en promover o sector primario, de enorme peso no municipio.

A nova edificación, bastante ampla, consta de dúas plantas e ático dedicándose a planta baixa a almacén e a primeira a acoller os servicios administrativos do sindicato agrario.

Tras a desaparición en 1994 da Cámara Agraria, substituta da Irmandade Sindical dende 1977, a titularidade e uso desta casa pasará a ser municipal por cesión da Xunta de Galicia.

En consecuencia, as instalacións deste edificio actualmente nun estado de deterioro progresivo, freado en parte tras realizarse algunhas remodelacións e á espera de próximas reformas, son aproveitadas asumindo diferentes usos como museo municipal na planta baixa, oficina de correos, centro social e de reunións de sindicatos, cooperativas agrarias e outras asociacións de carácter diverso na planta primeira e incluso ximnasio municipal no ático.

Polo tanto e debido, por unha banda, ó estado actual do edificio, que non ofrece a seguridade necesaria para a conservación documental por estar, ademais, ás portas dunha fase inminente de reformas que podería afectar á integridade do depósito, e por outra, a súa dedicación a estes novos usos que non deixan un lugar indicado nel para a instalación do arquivo, decidiuse como máis idóneo para a súa organización e conservación o traslado á propia casa do concello.

Este edificio, en excelente estado de conservación, está distribuído en baixo e planta, cunha recente ampliación de nova construcción unida á primeira que aumenta considerablemente o espacio das dependencias municipais.

Nesta ampliación, á beira da sala de exposicións, sitúase a sala dedicada exclusivamente, ata o momento do traslado da documentación da Irmandade Sindical, a arquivo municipal, de forma rectangular, conta cunha sala anexa de traballo e consulta así como de servicios sanitarios.

A súa superficie é ampla, superior ós corenta e cinco metros cadrados, na que se instalaron 186 metros lineais de estanterías de madeira polo que, despois de acoller as últimas incorporacións de documentación municipal, ten capacidade suficiente para albergar o arquivo da Irmandade Sindical, quedando aínda así espacio abondo a curto e medio prazo para organizar futuras remisións que ha efectuar o concello.

Esta nova situación presenta unhas excelentes condicións de habitalidade xa que dispón de calefacción e ventilación garantindo así a súa permanencia, á espera dun posible novo traslado para centralizar nun mesmo local a escasa documentación conservada das antigas irmandades sindicais da provincia de Pontevedra.

Páxina Seguinte Páxina 1 2 3 [4] 5 6 7 8 9

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 08/03/2004 11:06
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/