[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
MÉRCORES, 22 DE NOVEMBRO DE 2017 Páxina de inicio Mapa de contidos Directorio de contacto Directorio telefónico Axudas á navegación
   Está en » depontevedra.es » ..... » ..... » ..... » Servizos » Outros arquivos de organismos públicos » Instituto de Pontevedra » Documentación
Páxina Principal
Patrimonio Documental
Patrimonio Documental Provincial
Outros arquivos de organismos públicos
Instituto de Pontevedra
Ficha técnica
Fondo. Norma ISAD(G)
Introducción
Local
Documentación
Cadro de clasificación
Inventario
Arquivo gráfico
Outros arquivos privados

Páxina 1 2 3 4 [5] 6 7 8 9
INSTITUTO DE PONTEVEDRA 

A documentación

O Instituto “Sánchez Cantón” conserva, xunto cunha notable colección de materiais e obxectos do antigo instituto e unha abundante colección de memorias e publicacións periódicas deste século, pendentes de clasificar, o fondo documental producido no seu funcionamento dende o ano 1845.

No momento de iniciar o traballo de organización deste fondo foi preciso establecer un cadro de clasificación coa premisa de que debería servir para a documentación que segue a producir o instituto, o que conlevaría a unificación dos fondos do antigo “Instituto de Segunda Enseñanza” cos do actual Instituto “Sánchez Cantón”.

O cadro de clasificación resultante, basicamente funcional, conta con cinco seccións que recollen as distintas series documentais derivadas das actuacións dos órganos de goberno, da propia administración do instituto, da actividade docente, das actividades complementarias ás educativas e, finalmente, a relacionada coa Escola de Artes e Oficios, moi escasa e que ocupa soamente unha unidade de instalación.

Algunhas destas seccións estimouse oportuno subdividilas en subseccións, este é o caso da sección Órganos de Goberno, con algo menos do 3% do total da documentación, na que se diferencian os fondos producidos pola dirección, tales como as memorias, anuncios ou estatísticas, e os dos consellos e xuntas que funcionaron nas diferentes etapas.

Así mesmo, a sección da Administración, verdadeiro núcleo do arquivo, con algo máis do 95% do volume total da documentación, inclúe as subseccións de Matriculación, que agrupa os documentos derivados deste trámite e as súas diferentes continxencias; a de Secretaría, na que se integra non só a correspondencia ou certificacións senón toda a documentación referida ó alumnado, ós exames e a expedición de títulos; a subsección de Persoal, que recolle os expedientes referidos ó persoal do centro, tanto docente coma administrativo ou subalterno, a de Patrimonio, na que se inclúen os expedientes e proxectos de obras a realizar e os referidos ó patrimonio do instituto, e, finalmente a subsección de Contabilidade, coas contas e libros dos diferentes exercicios presupostarios.

Pola contra, nas seccións de Actividade docente, con moi pouca documentación –a penas o 0,3%-, a de Actividades complementarias, que recolle a documentación relacionada coa sanidade escolar, as actividades culturais e deportivas ou a que se conserva do observatorio meteorolóxico, ou a sección de Escola de Artes e Oficios, cunha única unidade, non se estimou necesario o establecemento de subseccións.

A confección definitiva deste cadro e das series foi contrastada e adaptada á propia realidade documental con leves modificacións no proceso de organización.

A ordenación dos fondos de cada serie documental é maiormente cronolóxica, agás raras excepcións, nas que se segue un criterio alfabético.

Finalmente, elaborouse o inventario, que aquí se edita, e un catálogo completo da totalidade dos expedientes ou conxuntos documentais que forman este arquivo.

No remate destes traballos inventariáronse un total de 1.406 unidades de instalación, na súa maior parte dispostas en caixas de cartón ríxido e nalgún caso formadas polos propios libros ou documentos encadernados. Iso supón preto de 100 metros lineais de documentación, ós que hai que lles engadir os doce arquivadores que conteñen expedientes académicos de alumnos das pasadas décadas.

O fondo documental, xenericamente, abarca o período comprendido entre 1816 e 1998, variando logo de acordo coa serie da que se trate. Este refírese tanto ó ensino no propio instituto coma a outros centros públicos ou privados da provincia, cunha notable continuidade na maior parte das series. O cadro de clasificación que antecede nesta publicación ó propio inventario reflicte con claridade as datas extremas que corresponden a cada serie e o seu número, achegando unha clara visión do contido desta documentación, referida no inventario con maior detalle.

O Arquivo Histórico Provincial conserva algúns fondos documentais propios do “Instituto de Segunda Enseñanza” de Pontevedra, remitidos no seu día a esta institución para a súa custodia e conservación, que complementan os existentes nas instalacións de “Sánchez Cantón”, recollidos no inventario que segue.

Do conxunto documental conservado no AHPPO, superior ós 100 metros lineais, soamente unha pequena parte conta con instrumentos de descrición que permitan coñecer o seu verdadeiro contido.

En vista do interese desta documentación, engadimos un breve extracto desta, remitindo ós instrumentos descritivos do propio Arquivo Histórico Provincial a quen precise unha información máis ampla e detallada:

*Libros de actas de exames

Comprenden o período que vai de 1886 a 1928. Corresponden ós números, do 5.973 ó 6.015, das unidades de instalación do fondo xeral do AHPPO.

A partir do ano 1928 os libros de actas de exames consérvanse no propio arquivo do instituto.

*Expedientes de alumnos - Do propio Instituto de Pontevedra dende os anos 1845 a 1945 - Do Instituto de Tui dende 1933 a 1939 - Do Instituto da Estrada dende 1933 a 1937

Este grupo documental disponse nun fondo diferenciado, integrado por 427 unidades de instalación.

Páxina Seguinte Páxina 1 2 3 4 [5] 6 7 8 9

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 05/04/2004 09:26
Copyright © 2002-2017, Deputación de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. | Aviso Legal
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/