[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
MARTES, 16 DE XULLO DE 2019
   Está en » depontevedra.es » ..... » Patrimonio Documental » ..... » Servizos » Outros arquivos de organismos públicos » Instituto de Pontevedra » Introducción
Páxina Principal
Patrimonio Documental
Patrimonio Documental Provincial
Outros arquivos de organismos públicos
Instituto de Pontevedra
Ficha técnica
Fondo. Norma ISAD(G)
Introducción
Local
Documentación
Cadro de clasificación
Inventario
Arquivo gráfico
Outros arquivos privados

Páxina 1 2 [3] 4 5 6 7 8 9
INSTITUTO DE PONTEVEDRA 

Introducción

Nos anos inmediatamente anteriores á instalación do “Instituto de Segunda Enseñanza” en Pontevedra a función educativa exercíase a través dunha fundación a cargo dun presbítero exclaustrado, D. Miguel Barros, instalada para as súas ensinanzas no exconvento dos xesuítas dende en 1830, por acordo do Concello, que era o seu administrador. Esta mantivo a súa actividade polo menos ata 1842.

Neste ano 1842 está documentada a instalación doutro colexio, na rúa da Palma, rexido por D. José María Billar, no que se impartían ensinanzas das primeiras letras, clases de latinidade, debuxo e lingua francesa, estando prevista a súa ampliación ás matemáticas, filosofía e outras.

O antecedente máis inmediato do Instituto de “Segunda Enseñanza” de Pontevedra é o Colexio Oficial de Humanidades, dependente da Universidade Literaria de Santiago, que inicia o seu labor docente en 1843, instalado no mesmo convento da Compañía de Xesús, pasando en 1844, provisionalmente, a un edificio na rúa Peregrina. A dirección deste centro estaba a cargo de D. Francisco Varcia Gómez.

O Concello solicita entón a creación do instituto de Pontevedra, apoiado por un grupo de cidadáns, concedéndose esta por R.o. de 30 de outubro de 1845. Esta proposta levaba parella o sostemento do centro entre os cidadáns e as rendas das fundacións e obras pías que daquela administraba o Concello, xunto cos ingresos derivados dos exames e matrículas.

O instituto, para iniciar o seu funcionamento absorbe o citado Colexio de Humanidades e nomean como director do instituto o que xa era do colexio, D. Francisco Varcia Gómez. A inauguración do curso ten lugar o 19 de novembro de 1845, quedando instalado o instituto no convento dos xesuítas.

Contaba inicialmente coas cátedras de Historia, Xeografía, Matemáticas, Historia Natural, Física e Química e Debuxo. Será a Deputación Provincial a que asuma a maior parte do custo do funcionamento deste centro educativo, mellorando progresivamente as súas instalacións e medios pedagóxicos.

En 1845, segundo Pascual Madoz, o Instituto de “Segunda Enseñanza” de Pontevedra estaba situado aínda no convento dos xesuítas, xunto a unha Escola de Instrucción Primaria e a Escola Normal, integrada esta última pola escola práctica e a Escola de mestres. Contaba nese momento o instituto con cátedra de Moral e Relixión, Lóxica, Lingua Francesa, Xeografía, Historia, Historia Natural, Física e Química, Matemáticas Elementais, Poética, Retórica, Gramática Latina e Castelán.

Nel cursaban estudios máis de cen alumnos que pagaban unha matrícula de 160 reais cada un. Para o seu funcionamento o centro percibía 3.000 reais da fundación, que rexía o Concello. O seu orzamento era de 74.000 reais, que se cubrían maioritariamente con fondos da Deputación Provincial.

Cos anos foron mellorando as instalacións e os medios materiais para desenvolver a súa función pedagóxica, aínda que sempre cunha permanente deficiencia. Deste xeito, no ano 1867 créase no instituto un centro de internado, financiado pola Deputación Provincial, que perdurará ata 1882, data na que desaparece por problemas de espacio.

Posteriormente, en 1878, créase unha escola de comercio e outra de náutica, anexos ó instituto, así como un xardín de aclimatación para experimentacións agrícolas. En 1880 instálanse unha estación e un observatorio meteorolóxico, de grande interese e aproveitamento para alumnos e profesorado.

O instituto traslada a súa sede ó edificio construído pola Administración central para a Escola de Artes e Oficios que nunca chegou a funcionar, hoxe sede da Delegación provincial da Consellería de Educación, na avenida de Montero Ríos. Esta edificación, proxectada por Andrés Calvo, rematouse en 1899, logo de catro anos de traballo, e destínase inicialmente, en contra das pretensións iniciais, como sede do instituto, función que se prolonga ata a construcción dunha edificación propia.

A necesidade dun edificio de seu, pola abundancia de alumnos matriculados nel, resólvese coa construcción, tamén na avenida Montero Ríos, emprazamento que na actualidade ocupa o Instituto Valle Inclán. Esta construcción proxéctase xa en 1903 e as obras, con certo retraso, inícianse en 1911 e prolónganse deica 1924; inaugúrase o novo instituto en 1929.

A partir do ano 1930 esta será a sede definitiva desta institución educativa ata a máis recente proliferación de centros.

Páxina Seguinte Páxina 1 2 [3] 4 5 6 7 8 9

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 03/03/2004 10:09
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/