O proxecto Aquelando 2 é unha iniciativa cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE) para facilitar a inserción profesional de colectivos con especiais dificultades de acceso ó mercado laboral no sector de servizos ás persoas. Conta cun orzamento total de 2.314.780 €, dos cales o FSE asume o 80% e a institución provincial o 20%.
Os beneficiarios destas accións son as persoas desempregadas da provincia de Pontevedra que estean inscritas no Servizo Galego de Colocación. Terán prioridade as mulleres que pertenzan ós colectivos de persoas de difícil inserción e inmigrantes ou emigrantes retornados.
Dentro das accións que se levan a cabo destacan a información, o asesoramento e a orientación sociolaboral ós colectivos obxecto de inserción laboral en toda a provincia; a implementación de itinerarios personalizados de inserción, combinando formación teórica e práctica, para máis de 450 persoas, ou a posta en marcha dun servizo de intermediación laboral no ámbito de atención a persoas (SILAP), que actuará como punto de encontro entre oferentes e demandantes de emprego para as actividades de atención ás persoas.
Tamén se elabora o Pacto provincial polo emprego no ámbito de atención ás persoas, no que están representadas as institucións locais, empresariais, sindicais, sociais e financeiras máis salientables da provincia.
|