Por medio deste servizo a Deputación de Pontevedra pretende fomentar o emprendemento na provincia de Pontevedra a través de catro eixes de intervención principais:
- Sensibilización
- Asesoramento
- Formación
- Financiamento
Os obxectivos específicos, a partir dos cales se definen as liñas de actuación, son os seguintes:
- Divulgar, sensibilizar e motivar o conxunto da sociedade pontevedresa cara á actividade emprendedora. Para acadar este obxectivo desenvólvense diferentes seminarios e cursos dirixidos a potenciais emprendedores.
- Implicar a comunidade educativa e outras estruturas sociais: fundacións, colexios profesionais, asociacións empresariais, xuvenís, de mulleres, etc., para que fomenten a cultura emprendedora a través da súa interacción coas estruturas públicas que apoian o emprendemento.
- Fomentar o emprendemento no rural, apoiando as estruturas dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) e dos grupos de acción costeira (GAC) para que detecten e asesoren os proxectos emprendedores rurais sobre o Programa Leader 2007-2013.
- Reforzar o apoio ás persoas interesadas en desenvolver un proxecto emprendedor, establecendo itinerarios e protocolos completos de formación, asesoramento e acompañamento na elaboración do seu proxecto empresarial e informalas das diferentes liñas de subvención.
- Fortalecer a rede de asesoramento a emprendedores nos concellos da provincia de Pontevedra, apoiando o seu traballo como principais coñecedores das potencialidades do territorio no ámbito municipal.
- Mellorar e reforzar o apoio á consolidación das empresas novas na provincia de Pontevedra para conseguir mellorar a súa competitividade e axudalas a manterse no mercado, crecendo, xerando máis emprego e riqueza e procurando reducir os índices de mortalidade empresarial a nivel provincial.
- Potenciar o coñecemento do colectivo de emprendedores e dos autónomos, favorecendo o seu asociacionismo e a súa visibilización na sociedade.
- Apoiar o establecemento de empresas e potenciar o solo industrial na provincia, especialmente a través do polígono industrial de Barro-Meis.
- Facilitar o acceso ó crédito para proxectos emprendedores a través de diferentes convenios de colaboración con entidades financeiras.
O equipo de xestión das actividades para fomentar e difundir a cultura emprendedora está formado por axentes de emprego e desenvolvemento local (AEDLs) e orientadores/as laborais que pertencen a diferentes ramas de especialidade.
|