A Cidade Infantil Príncipe Felipe inaugurárona en 1976 os reis don Juan Carlos e dona Sofía. A institución, de carácter educativo e benéfico-social, foi concibida para albergar e formar os nenos e mozos que, por unha ou outra circunstancia, cumpría acoller e protexer.
O obxectivo foi desde un primeiro momento encargarse da educación destes rapaces pero non illadamente, como seres marxinados da sociedade, senón que alumnos residentes e externos convivisen e se educasen nun clima no que reinase a igualdade entre eles.
A este obxectivo inicial, que segue sendo hoxe un dos eixes sobre os que xira a institución, hai que engadir que este ano se acadou un logro importante para o seu desenvolvemento coa incorporación dun Centro de Día coa finalidade de que a cotío os rapaces internos convivan e compartan tarefas e actividades cos nenos que posúen un núcleo familiar estable.
Das tarefas diarias do Centro encárgase un equipo de persoal esforzado en lograr que a estancia dos nenos neste sexa o máis agradable posible.
A estructura actual da Cidade, que conta cun Centro de Atención de Día e cinco centros residenciais, é a seguinte:
- Centro Infantil, que acolle a nenos de 0 a 8 anos
- Centro Infanto-Xuvenil “Agarimo”, que acolle a nenos de 8 a 14-16 anos
- Centro Infanto-Xuvenil “Escola-Fogar”, que acolle a nenos de 8 a 14-16 anos
- Centro “Xuvenil”, que acolle a nenos de 14-16 a 18 anos
- Centro de “Primeira acollida”
|