[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
LUNS, 16 DE XULLO DE 2018 Páxina de inicio Mapa de contidos Directorio de contacto Directorio telefónico Axudas á navegación
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » A Deputación » Ordenanzas » Ordenanzas 2011
Páxina Principal
A Deputación
Presidencia
Corporación
Símbolos da Deputación: escudo e bandeira
Ordenanzas
Ordenanzas 2003
Ordenanzas 2004
Ordenanzas 2005
Ordenanzas 2006
Ordenanzas 2007
Ordenanzas 2008
Ordenanzas 2011
Patrimonio da Deputación
Historia
Organismos Autónomos
Partidos xudiciais
Teléfono de contacto

Páxina [1] 2 3 4
ORDENANZAS 2011 

Ordenanza reguladora do Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra: exposición de motivos

    A Lei 5/2002, do 4 de abril, reguladora dos boletíns oficiais das provincias, configura de forma expresa os boletíns oficiais das provincias (BOP) como un servizo público de ámbito provincial, competencia das deputacións provinciais, ás que lles corresponde a súa edición e xestión. Así mesmo, é preciso subliñar que tanto o artigo 45 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, coma o artigo 9 da Lei 5/2002, do 4 de abril e o previsto na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns ós servizos públicos, tratan de impulsar o emprego e a aplicación de técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos na prestación do servizo do Boletín Oficial da Provincia, tanto no que se refire á súa edición como á súa publicación. Polo que respecta á edición e publicación electrónica do BOPP deberá terse en conta que a Lei 11/2007, no seu artigo 11.1, dispón que a publicación dos diarios ou boletíns oficiais nas sedes electrónicas da administración, órgano ou entidade competente terá, nas condicións e garantías que cada administración pública determine, os mesmos efectos cós atribuídos á súa edición impresa.
    En coherencia co exposto e sempre coa finalidade de procurar un servizo máis áxil, eficaz e cómodo para os cidadáns, esta ordenanza introduce como nova o outorgamento á edición electrónica do boletín de carácter oficial e auténtico, nas condicións e cos requisitos establecidos na presente ordenanza. Prevese, así mesmo, o carácter universal e gratuíto do acceso a esta edición electrónica e regúlanse os mecanismos e garantías que aseguran a autenticidade, integridade e inalterabilidade dos contidos do Boletín Oficial da Provincia. Podemos pois concluír que a edición electrónica do boletín da Deputación de Pontevedra supón a progresiva eliminación do soporte papel na súa xestión. Todo iso contribuirá a simplificar os trámites e reducir os prazos para inserir e publicar edictos, así como acceder con maior rapidez á información publicada, acadando deste modo o obxectivo de lles prestar un servizo máis áxil, cómodo e moderno a todos os cidadáns e ós concellos da nosa provincia.

CAPÍTULO I DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1. Fundamento e obxecto

    Este regulamento ten por obxecto regular, de acordo co disposto no artigo 2 da Lei 5/2002, de 4 de abril, reguladora dos boletíns oficiais das provincias, os principais aspectos relativos á xestión, edición e consulta do Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, servizo público de carácter provincial e competencia propia da Deputación de Pontevedra.
    En particular regúlase:
    • A forma de xestión do Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, a súa periodicidade, contido e autenticidade, a lingua de publicación, a responsabilidade do contido das publicacións, o formato da edición e a súa consulta.
    • As normas para presentar as ordes de inserción e dos anuncios, establecendo o contido necesario das citadas ordes de inserción, a comprobación da súa autenticidade, así como os medios de presentación.
    • As normas para publicar os anuncios.

Artigo 2. Forma de xestión

    A Deputación de Pontevedra presta o servizo público do Boletín Oficial da Provincia de forma directa a través da propia entidade local. A dirección e coordinación do Boletín Oficial da Provincia atribúeselle á Intervención, xunto coa súa xestión administrativa (Negociado de Xestión de Recursos Económicos), correspondéndolle a composición e edición á Imprenta provincial, sen prexuízo das competencias de dirección superior dos servizos provinciais que lle recoñece o artigo 34.1 da Lei 7/1985, do 2 de abril, ó presidente da Deputación.

Artigo 3. Contido e seccións do BOP

    O BOP é o xornal oficial no que se publicarán as disposicións de carácter xeral e as ordenanzas, así como os actos, edictos, acordos, notificacións, anuncios e demais resolucións das administracións públicas e da Administración de Xustiza de ámbito territorial provincial, ou de calquera outra administración e particulares, cando así estea previsto en disposicións legais ou regulamentarias, así como outros actos ou anuncios que aquelas remitan. Ademais, poderán inserirse no BOP os anuncios de particulares que deban publicarse de acordo coa lexislación vixente ou para información xeral.
    O BOP presentarase coa seguinte estrutura: No encabezamento de cada número do BOP e de cada unha das súas páxinas figurará:
    • a denominación “Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra”.
    • o escudo da provincia de Pontevedra
    • o número do exemplar diario, que será correlativo dende o comezo de cada ano
    • a data de publicación
    • o número de páxina, que será correlativo dende o comezo de cada número do BOP
    No pé de cada disposición, acto ou anuncio incluirase o código de verificación, que permite contrastar a súa autenticidade.
    A data de publicación das disposicións, actos e anuncios será a que figure no encabezamento e en cada unha das páxinas do exemplar diario en que se publiquen.
    Cada número do BOP constará dun sumario das disposicións e actos incluídos neste, de acordo coa seguinte estrutura:
    • I Administración central
    • II Administración electoral
    • III Administración autonómica
    • IV Administración local
    • V Administración de Xustiza
    • VI Outras entidades e anuncios particulares

Artigo 4. Carácter oficial e auténtico

    A edición electrónica do Boletín Oficial da Provincia, publicada na sede electrónica da Deputación: www.depo.es e na subsede do BOP: www.bop. depo.es, a partir do día 1 de xuño de 2010 ten carácter de oficial e auténtica, derivándose dela os efectos previstos no título preliminar do Código Civil e nas restantes normas aplicables.
    Con anterioridade a esta data só tiña a consideración de oficial e auténtica a edición do Boletín Oficial da Provincia impresa en papel.Para garantir a autenticidade, integridade e inalterabilidade do contido do BOP a edición electrónica publicada na sede da Deputación, a partir do día 1 de xuño de 2010, incorpora a sinatura dixital.
    A sinatura dixital utilizarase para cada BOP na súa totalidade, en tanto non se estableza a administración electrónica de todo o proceso. Unha vez que se poña en marcha a administración electrónica de todo o proceso a sinatura dixital incorporarase por separado en cada unha das disposicións publicadas, permitindo deste modo asegurar a autenticidade de cada disposición concreta sen necesidade de descargar o diario completo.

Artigo 5. Confidencialidade e protección de datos

    De conformidade co que se establece no artigo 4 da Lei 11/2007, de 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns ós servizos públicos, os datos de carácter persoal serán protexidos nos termos establecidos pola Lei orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, nas demais leis que regulan o tratamento da información e nas súas normas de desenvolvemento.

Artigo 6. Periodicidade

    O BOP de Pontevedra publicarase de luns a venres, agás os días festivos (nacionais e autonómicos da Comunidade de Galicia), coincidindo a data de edición coa da súa difusión efectiva. Esta periodicidade poderase alterar cando as circunstancias o aconsellen por decisión do presidente da Deputación. Poderán editarse suplementos ou números extraordinarios cando sexa necesario.

Artigo 7. Lingua de publicación

    Os textos para publicar no BOP manterán o idioma no que son remitidos, é dicir, en galego ou en castelán.

Artigo 8. Obriga de publicar

    A Deputación de Pontevedra está obrigada a publicar no BOP cantas disposicións, ordenanzas, resolucións, edictos, anuncios, actos ou acordos das distintas administracións públicas e da Administración de Xustiza se deban inserir nel en virtude de disposición legal ou regulamentaria, así como outros actos ou anuncios que aquelas lles remitan. Os anuncios de particulares poderán ser publicados no BOP cando pola súa natureza ou características a dirección do BOP o estime procedente.
    Non será obxecto de publicación a mera publicidade comercial. Os anuncios que se pretendan publicar no BOP deberán cumprir os requisitos previstos na normativa aplicable, será responsable o que ordene a inserción e procederase a denegar esta en caso de incumprimento ou cumprimento defectuoso.

Artigo 9. Responsabilidade

    O ordenante da inserción será en todo caso o responsable do contido do texto a publicar así como dos efectos que, fronte a terceiros, puideran derivarse del.

Páxina Seguinte Páxina [1] 2 3 4

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 20/07/2010 14:47
Copyright © 2002-2018, Deputación de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. | Aviso Legal
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/