Introducción
O territorio do concello de Portas sitúase na zona centro da provincia de Pontevedra lindando cos concellos de Caldas de Reis, Moraña, Barro, Meis e Vilanova de Arousa.
Ocupa unha superficie total superior ós vinte e tres quilómetros cadrados, con cincuenta e nove entidades de poboación dispersas nas súas catro parroquias: Portas, Lantaño, Briallos e Romai, nas que residen algo máis de tres mil habitantes.
Esta área xeográfica formou parte da provincia de Santiago ata a división constitucional e a reforma posterior que derivou na súa inclusión definitiva na provincia de Pontevedra. As parroquias de Portas e Romai dependían daquela da xurisdicción de Peñaflor, con señorío do conde de Graxal, e as de Briallos e Lantaño da xurisdicción de Vilanova, con señorío do arcebispo de Santiago.
No proceso de establecemento constitucional dos concellos este territorio, integrado no partido xudicial de Caldas de Reis, formaba parte do concello de Trasumia, xunto co actual concello de Barro. No ano 1836 créase como concello independente, coa configuración actual que se mantén sen modificacións reseñables agás certos cambios de capitalidade e de instalación da casa do concello.
Deste funcionamento continuado do concello xorde un conxunto documental, conservado parcialmente, que foi obxecto de sucesivos tratamentos por parte do Servicio Técnico do Patrimonio Documental, derivando na actual situación, na que se dispón dunha superficie suficiente e adecuadamente equipada para a súa conservación, tratamento e consulta.
O primeiro proceso organizativo levouse a cabo en 1993, acometéndose dende entón sucesivas actuacións de reincorporación, informatización e adaptación ó novo cadro de clasificación usado na actualidade para estes procesos, incluíndo a mellora e traslado a un novo local.
|