Casa do Mapa
A "Casa del Mapa" de Pontevedra, é o centro provincial de documentación, información xeográfica e distribución dos servizos xeográficos do CNIG e de todos aqueles organismos públicos que producen ou editan produtos cartográficos, e complementa as funcións propias da Cartoteca Provincial.
É importante mencionar a misión de servizo público destes centros e resaltar o seu carácter institucional; estas instálanse nas capitais de provincia para fomentar o uso da cartografía e o coñecemento do territorio.
Con iso preténdese, en última instancia, poñer a disposición de todos os cidadáns a información cartográfica, co obxecto de promover e divulgar o seu coñecemento e uso, facéndoa máis accesible ao público en xeral; á vez que ofrecer un asesoramento especializado en información cartográfica e xeográfica.
Foi inaugurada o día 17 de abril de 2009, segundo o convenio asinado o 4 de febreiro de 2008 co "Centro Nacional de Información Geográfica" para a instalación dunha sección da Casa do Mapa na Cartoteca do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico.
En función disto, a “Casa del Mapa” é o centro de distribución do CNIG da provincia e de todos aqueles organismos públicos que producen ou editan materiais cartográficos de Galicia en xeral e da provincia de Pontevedra en particular, hoxe espallados por gran parte da xeografía española.
A "Casa del Mapa" vai dirixida fundamentalmente ao cumprimento dos seguintes obxectivos:
- Divulgar os produtos editados, relacionados coa información cartográfica e xeográfica de Galicia en xeral e da provincia de Pontevedra en particular.
- Achegar un valor engadido en canto á información territorial provincial que non é outro que a posibilidade de asesoramento e consulta individualizada por persoal especializado.
- Divulgar con carácter formativo e educativo os aspectos máis relevantes da cartografía no pasado, presente e futuro.
A "Casa del Mapa" está situada na rúa Padre Amoedo nº 1, 2ª planta, dependente da Cartoteca, e pon á súa disposición todo o material cartográfico procedente dos distintos organismos editores da Administración Xeral do Estado no propio fondo da Cartoteca para a súa utilización con fins de consulta e investigación, á vez que a posibilidade de adquirilo mediante compra.
Centro Nacional de Información Geográfica
|