A Documentación
Integran, como xa dixemos, o arquivo do concello de Salceda de Caselas, na actualidade, 3.277 unidades de instalación, colocadas en estanterías metálicas, en caixas de cartón ríxido, cunha numeración correlativa.
O fondo corresponde na súa maior parte ó século XX, conservándose algunha documentación do século dezanove, especialmente referida á xestión económica ou ás quintas, sendo notorias, en todo caso, as perdas documentais. Presenta, en xeral, un bo nivel de conservación, a pesar dos moitos avatares que ten sufrido.
Este conxunto documental foi clasificado en catro grandes seccións, de acordo co novo cadro de clasificación proposto para o conxunto dos arquivos dos concellos.
A sección Goberno, que inclúe, basicamente, aquela documentación xerada polos órganos persoais e colexiados do propio concello, supón algo menos do 3,5 % do total do fondo documental. Destacan os libros de actas do concello, nos que faltan os correspondentes ós primeiros anos, conservándose dende 1840, e os dos outros órganos colexiados, tales como a Comisión Municipal Permanente, completos dende 1925, agás aqueles períodos nos que non existiu este órgano.
Este conxunto documental, hoxe correctamente disposto para o seu uso e manexo, dispón dunha completa gama de instrumentos de descrición que permiten a súa valoración e recuperación. O cadro de clasificación deste arquivo e o seu inventario somero complétanse cunha exhaustiva descrición, a nivel de expediente en moitas series, a disposición de calquera interesado tanto no propio concello coma no Arquivo da Deputación Provincial de Pontevedra, tanto en soporte papel (fichas) coma informático, nunha base de datos formada por 23.528 rexistros diferentes.
|