A documentación
A documentación conservada polo concello de Silleda ocupa case noventa metros lineais, cun total de 2.553 unidades de instalación.
A práctica totalidade do fondo documental que nos chegou elaborouse no século XX, sendo apenas testemuñais os documentos que se conservan de finais do XIX. Soamente un libro copiador de correspondencia do período 1863-1910 e un padrón xeral de veciños de 1885 recordan neste arquivo a existencia do concello con anterioridade á década dos anos vinte do presente século.
Esto supón que non se teñan conservado documentos da importancia das actas do e a propia documentación do concello de Chapa, antes de 1853; ou que as actas do Pleno do concello de Silleda soamente existan dende 1922.
En todo caso, o fondo conservado aínda supón un certo volume en relación coa media provincial, presentando un bo nivel de conservación, favorecido nestes últimos anos pola instalación de todo o conxunto en caixas uniformes de cartón ríxido.
Polo demais, repítese neste caso a estructura habitual dos arquivos da nosa provincia. A metade das unidades documentais conteñen documentos ou expedientes da sección de Facenda, con especial referencia, polo tanto, á xestión presupostaria dende 1923, ou á recadación de taxas, arbitrios e impostos diversos.
A sección Servizos supón o trinta e tres por cento do total, a maior parte refírese ás obras municipais e dos particulares, con testemuños dende 1924; así como as quintas, tamén dende 1924, sanidade, educación, poboación e mais eleccións.
Finalmente, consérvase a documentación das seccións de Administración , que supón o catorce por cento do total, e de Goberno, que alcanza o tres por cento, nas que como documentos de especial interese atopamos as actas dos órganos colexiados do presente século e incompletas, xunto coa documentación producida polo alcalde ou de referencia directa a este.
|