Historia
A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, creada a finais de 1980 pola Excma. Deputación Provincial de Pontevedra como unha liña do Servizo Agrario, xorde do intento de cubrir o baleiro existente no sector agrario en materia de fitopatoloxía, co fin de buscar solución aos problemas fitosanitarios que van xurdindo progresivamente nos nosos cultivos e que de non ser controlados levan á diminución ou á desaparición do propio cultivo.
O obxectivo primario é o asesoramento en materia de fitopatoloxía, é dicir, axudar aos agricultores e servizos oficiais a recoñecer as pragas e enfermidades dos nosos cultivos, e a informar sobre a as medidas de protección e control que deben seguir para evitar as perdas que estes organismos ocasionan nos mesmos.
Dende o seu inicio tamén se dedicou á investigación (experimentación) dentro de cada unha das súas unidades; unha investigación eminentemente práctica e dirixindo os seus resultados cara ao sector. Así, ao longo destes anos leváronse a cabo distintos proxectos financiados por diversos organismos gobernamentais como a UE, Comisión Asesora, INIA, Xunta de Galicia, CDTI, CAICYT, en colaboración con outros centros de investigación, ou directamente pola Estación Fitopatolóxica. Dende o ano 2007 é centro colaborador do CSIC. Ademais, varios dos seus métodos de análise están certificados por AENOR.
A Estación Fitopatolóxica do Areeiro está configurada en tres grandes seccións (‘Fitopatoloxía’, ‘Edafoloxía’, e ‘Fruticultura e ornamentais’) a través das que a Excma. Deputación Provincial de Pontevedra proporciona un asesoramento integrado aos agricultores e a todos os implicados ou interesados no agro, ao mesmo tempo que os seus técnicos están permanentemente en relación co sector e con outros centros de investigación –nacionais ou estranxeiros- para ter e dar unha visión real e actualizada da realidade agrícola.
Ao longo da súa andaina, sempre foi unha das inquedanzas dar a coñecer todos os resultados obtidos das súas experiencias; estes traballos son publicados en libros, revistas especializadas, levados a congresos, ou directamente publicados polo Servizo de Publicacións con que conta a propia Deputación Provincial de Pontevedra.
Na páxina web da Estación www.efa-dip.org pódense consultar boa parte dos traballos e publicacións xeradas, así como outras cuestións de interese para o sector agrícola e forestal.
|