[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
VENRES, 4 DE DECEMBRO DE 2020
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Taboleiro de anuncios » Perfil do contratante
Páxina Principal
Taboleiro de anuncios
Boletín Oficial da Provincia
Emprego Público
Subvencións, axudas, bolsas...
Perfil do contratante
Obras
Subministros
Asistencia
Servizos
Outras
Cursos
Extractos do Pleno
Extractos da
Xunta de Goberno
Decretos Presidenciais
Notas de Prensa
Axenda

Páxina 1 2 3 4 5 [6] 7 8
PERFIL DO CONTRATANTE 

Deputación de Pontevedra

Concurso para a xestión mediante concesión dun servizo da escola infantil na Cidade Infantil “Príncipe Felipe”

Anuncio | Prego económico | Prego técnico
Anexo cálculo gastos | Anexo 2 | Anexo plano
Regulamento de réxime interno (gal) | Regulamento de réxime interno (cast.)
Adxudicación

REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO (R.R.I.)

INTRODUCIÓN
Tendo presente a Lei 4/1993, de 14 de abril, de Servizos Sociais, que atribúe á comunidade autónoma a competencia para establecer as normas de acreditación e autorización de centros de Servizos Sociais, no exercicio destas competencias publicouse o Decreto 243/95, de 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos centros de servizos sociais; desenvólvense por Orde da antiga Consellería de Familia, Muller e Xuventude, de 29 de febreiro de 1996, os requisitos específicos que deben reunir os centros de menores e centros de atención á infancia.

O artigo 7 do referido decreto, establece como un dos requisitos funcionais de tódolos centros, dispor dun regulamento de réxime interno, que así mesmo debe ter un contido mínimo e someterse a aprobación administrativa da consellería competente, estes contidos mínimos veñen recollidos no artigo 21º do mesmo.

1.— DEFINICIÓN DA ESCOLA INFANTIL
A Escola Infantil de 0 a 3 anos da Deputación de Pontevedra constitúe un servizo público educativo para a primeira infancia; cumpre unha función social e educativa e proporciona aos seus usuarios unha atención integral sen distinción de raza, sexo, ou condición social, a través dun programa global que garanta o pleno desenvolvemento físico, intelectual, afectivo, social e moral dos nenos e nenas. Pretende cooperar cos pais, nais e representantes legais, co fin de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral e conseguir a mellor integración entre o centro e as familias.

2.— ESTRUTURA ORGANIZATIVA
Órganos unipersoais e colexiados

DIRECCIÓN, SUBDIRECCIÓN E APOIO Á DIRECCIÓN

FUNCIÓNS

  • Representar oficialmente a administración no centro e ostentar a representación oficial.
  • Cumprir e facer cumprir as disposicións vixentes.
  • Participar activamente como membro do equipo educativo.
  • Garantir atencións e coidados aos alumnos durante a súa estadía no centro.
  • Orientar e dirixir todas as actividades do centro.
  • Exercer e xestionar os labores administrativos e de persoal.
  • Custodiar os documentos e expedientes do centro.
  • Expedir as certificacións.
  • Autorizar os gastos de acordo co orzamento do centro e autorizar os pagos.
  • Exercer a coordinación xeral da escola.
  • Elaborar, co equipo da escola, os horarios.
  • Programar, preparar e realizar, xunto con todo o equipo educativo, actividades colectivas.
  • Comprobar a existencia de material didáctico e adquirilo segundo a demanda.
  • Proporcionar os recursos para actividades fóra da escola.
  • Reunirse sempre que sexa necesario co persoal do centro.
  • Atender e informar os pais, titores ou representantes legais.
  • Mostrar ás familias dos alumnos de novo ingreso o centro e informarlles da súa organización e funcionamento.
  • Garantir e fomentar a comunicación entre educadores, pais e todo o persoal do centro.
  • Executar os acordos que os órganos colexiados adopten no marco da súa competencia.
  • Servir de enlace entre a administración e o persoal do centro.
  • Colaborar na consecución do proxecto educativo do centro.

ORGANIZACIÓN

  • Deben reunirse cos distintos sectores da comunidade educativa segundo o programa e sempre que sexa necesario.
  • A información aos familiares realízase en entradas/saídas (ou cando se solicita) e tamén mediante o taboleiro de anuncios, circulares,etc.

PROFESORADO

FUNCIÓNS

  • Colaborar en cantas accións ou situacións favorezan a consecución do proxecto educativo.
  • Coordinarse coas restantes educadoras do centro para planificar e desenvolver a marcha do curso.
  • Atender todas as situacións que estean relacionadas co proceso do desenvolvemento integral do neno: afectivas, hixiénicas, alimenticias, de descanso, de relacións sociais e co contorno, desenvolvemento cognitivo, expresivo e momento evolutivo no que se atopa.
  • Detectar as necesidades do alumno e elaborar un plano de actuación persoal, tanto desde o punto de vista educativo como social. Maior interese nos casos especiais.
  • Realizar un seguimento individual do alumno mediante unha observación directa do neno para valorar os seus progresos en todos os ámbitos e tentar desenvolver todas as súas capacidades.
  • Velar pola seguranza e o benestar físico do/da alumno/a; en caso de enfermidade, avisar os familiares e tomar as medidas oportunas.
  • Facilitar a integración dos alumnos no grupo e fomentar a súa participación nas actividades do centro.
  • Planificar o período de adaptación á escola de maneira individual e en coordinación coa familia.
  • Planificar e avaliar a programación para o seu grupo de alumnos respecto a obxectivos, contidos e actividades, para coordinarse co resto de educadores/as.
  • Seleccionar, dispor e preparar as situacións e os materiais educativos que necesite a programación planificada.
  • Velar polo bo uso das instalacións e dos materiais.
  • Reunirse coas familias a principio de curso e contactar diariamente con estas.
  • Informar as familias dos procesos de aprendizaxe dos seus fillos e facilitarlles recursos para favorecer o seu desenvolvemento.
  • Reunirse coas familias individualmente a petición dalgunha das partes implicadas no proceso educativo dos seus fillos.
  • Comprometerse, dentro do horario normal, a informar as familias á vez que se fai a entrega e/ou recollida dos alumnos diariamente.
  • Responsabilizarse cunha formación permanente.
  • Desenvolver hábitos de comida, de uso de cubertos e introducir os diferentes alimentos.
  • Crear hábitos de sono, hixiene,...
  • Conseguir unha maior autonomía persoal do neno/a.

ORGANIZACIÓN

  • A asignación de clases faise de forma consensuada.
  • O educador/a que está a cargo dos nenos realiza a función de titor/a e funcións asistenciais.
  • Hai persoal de apoio.
  • Cada educadora ten unha tarde libre para a dedicar á organización das súas actividades.
  • Para as xuntanzas das familias realizaranse, ademais das preceptivas, todas as que se consideren necesarias, tanto de grupo como individuais.

3.— FUNCIONAMENTO XERAL DO CENTRO
A Escola Infantil permanecerá en funcionamento cinco días á semana e doce meses ao ano, coa posibilidade de complementar este servizo diúrno.

En canto ao horario, a gardería abrirá ás 7:30 h. da mañá e permanecerá en funcionamento até as 22:30 h. da noite en horario continuado. Evitarase que o neno prolongue a súa estadía no centro máis de oito horas, a non ser que circunstancias excepcionais o determinen, que deberán, en todo caso, xustificarse.

A organización temporal estará condicionada pola necesidade de respectar os ritmos biolóxicos dos máis pequenos. O neno e a nena destas idades necesitan tempo para o xogo, tempo para explorar, tempo para se comunicar, etc.

Cando o/a neno/a chega por primeira vez á escola infantil a súa vida divídese en dous períodos significativos: o tempo que permanece na escola (e ten que estar con outros nenos/as e adultos/as que non coñece) e o tempo que está no ambiente familiar. Por iso se establecerán, ao igual que na familia, rutinas que proporcionen regularidade; frecuencias que ordenen a vida na escola e leven a interiorizar os ritmos e secuencias.

O modelo de horario que se desenvolvera ao longo da xornada será o seguinte:

HORAACTIVIDADE
7:30- 9:00 Recepción. Xogo libre
9:00-9:30 Xogos, cantos...
9:30-10:30 Xogo libre con materiais didácticos. Actividades semi-dirixidas
10:30-11:30 Actividades dirixidas
11:30-12:15 Xogo libre
12:15-12:30 Aseo e preparación para o xantar
12:30-13:30 Xantar
13:30-13:45 Aseo
13:45-16:00 Sesta*Para os/as nenos/as que xa no dormen sesta: vídeos didácticos, debuxos animados, contos, quebracabezas
16:00 –17:00 Xogos, actividades rítmicas, audicións musicais/xogo ao aire libre
17:00 -17:30 Aseo e preparación para a merenda
17:30 -18:30 Merenda
18:30-20:30 Xogo libre/dirixido
20:30-21:30 Cea
21:30-22:30 Saída


Non existe un modelo único ideal válido, posto que o horario será marcado polos pais/nais dos alumnos en función das súas necesidades e preferencias.

Estes períodos de actividade, descanso, alimentación, as rutinas, etc., planificaranse de forma flexible, xa que os nenos e as nenas non poden vivir con presas ou tensións, senón de acordo cos seus propios ritmos e necesidades.

Contemplaremos tamén a posibilidade de que os nenos/as poidan asistir á Escola Infantil en horario de media xornada, ben pola mañá ou ben pola tarde, ademais da asistencia por horas soltas sempre e cando a demanda destes dous servizos fixese posible a súa implantación.

4.— NORMAS DE CONVIVENCIA

  1. O horario de entrada e saída de cada neno será o electo polos seus pais en función das súas necesidades. Este horario manterase todo o curso. En casos excepcionais poderán modificalo, previo aviso e se o servizo o permite.
  2. Número máximo de horas de permanencia do neno/a no centro variará tendo en conta a situación laboral dos pais:
    • Máximo de seis horas: un dos proxenitores non traballa.
    • Máximo de oito horas: traballan os dous.
    • Máis de oito horas: traballan os dous e o seu horario de traballo impídelles recoller antes ao neno/a (neste caso é preciso un xustificante dos centros de traballo).
  3. As entradas e saídas faranse puntualmente de acordo co horario contratado.
  4. As entradas e saídas serán vixiadas polos/as educadores/as.
  5. Os nenos/as só poderán saír do centro cos seus pais ou cunha persoa autorizada.
  6. O tempo de recreo no patio será vixiado polas educadoras.
  7. Os nenos/as enfermos non poden acudir á escola infantil. A súa enfermidade empeoraría e poden contaxiar aos outros nenos/as.
  8. No caso de que teña febre ou outra indisposición avisarase para que acudan a recollelo .
  9. Para a reincorporación dun neno/a con enfermidades contaxiosas deben presentar no centro o informe médico pertinente.
  10. O centro non se responsabiliza da medicación dos nenos/as. Esta só se administrará baixo prescrición escrita e asinada polo pediatra especificando medicamento, dose e horario.
  11. Para dar de baixa ao neno/a deben comunicalo cun mínimo de quince días de antelación.
  12. Os nenos/as deben acudir ao centro con roupa cómoda. Débense evitar na medida do posible o pantalón de peto e os tirantes.
  13. A roupa e os accesorios que os nenos/as traian ao centro deberán estar marcados co nome.
  14. Non está permitido que os nenos/as traian xoguetes ao centro, para evitar posibles extravíos. O centro non se fai responsable.
  15. O centro debe ser informado de se algún neno/a non pode tomar algún alimento.
  16. A hixiene dos nenos/as será responsabilidade tanto dos pais como dos educadores/as.

5.— DEREITOS E DEBERES DO ALUMNO

  • A recibir unha formación que asegure o pleno desenvolvemento da súa personalidade.
  • Á non-discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, capacidade, economía e nivel social.
  • Ao establecemento de medidas compensatorias que garantan a igualdade real e efectiva de oportunidades.
  • Á realización de políticas educativas de integración e de educación especial.
  • A que o seu rendemento escolar sexa avaliado con plena obxectividade, para garantir a avaliación con criterios obxectivos.
  • A que a súa estadía no centro se desenvolva nas debidas condicións de seguranza e hixiene.
  • A que se garde reserva sobre toda aquela información acerca das súas circunstancias persoais e familiares do alumno. Non obstante, comunicaranse á autoridade competente as circunstancias que poidan implicar malos tratos ao alumno ou calquera outra infracción dos deberes establecidos nas leis de protección de menores.
  • A que se respecte a súa integridade e dignidade persoal; non poden ser obxecto de tratos vexatorios nin degradantes ou que supoñan un menosprezo da súa integridade física e moral.
  • A adquirir hábitos intelectuais e técnicas de traballo así como todo tipo de coñecementos propios da súa idade.
  • Á preparación para participar activamente na vida social e cultural.
  • Á formación para a paz.
  • Ao desenvolvemento das súas capacidades intelectuais, da súa afectividade, autonomía persoal e da capacidade de relación cos demais.
  • A ter unha xornada de traballo escolar de acordo coa súa idade e a unha planificación equilibrada das actividades que se realicen.

6.— DEREITOS E DEBERES DOS PAIS

  • Os pais teñen dereito a ser informados do desenvolvemento dos seus fillos/as, do seu programa, horarios e normas.
  • Antes de comezar o curso convocarase unha xuntanza cos pais na que se lles informará do funcionamento da escola infantil.
  • O primeiro día os pais terán unha entrevista persoal co titor/a do neno/a.
  • Ao longo do curso poderán entrevistarse cos titores ou coa dirección mediante unha cita concertada.
  • Deben prestar apoio, colaboración e respecto ás tarefas que desempeñan os educadores/as.
  • Deben facilitar todo tipo de información ou datos concernentes ao seu fillo/a que poidan ter relevancia na súa estadía na escola.
  • Deben facilitar os medios para poder levar a cabo as tarefas que teña programadas o educador/a.

7.— DEREITOS E DEBERES DOS EDUCADORES

  • Deber de acatar as decisións do claustro.
  • Deber de cooperar no mantemento da orde.
  • Deber de velar polo cumprimento e bo uso do material e das instalacións do centro.
  • Deber de colaborar na tarefa educativa, como membro activo do proceso.
  • Deber de respectar a personalidade do neno/a, sabendo escoitalo, comprendelo e axudalo.
  • Deber de procurar coñecer as súas características psicolóxicas.
  • Deber de non facer distincións entre os nenos/as.
  • Deber de manter contactos periódicos cos pais durante o período e o horario previstos para iso.
  • Deber de convocalos cando as circunstancias o requiran e recibilos cando eles o soliciten, seguindo o horario e normas establecidas polo centro.
  • Dereito a exercer a súa función empregando os métodos que considere máis adecuados para o pleno desenvolvemento do neno, dentro das orientacións, planos e programas aprobados polos órganos competentes.
  • Dereito a intervir en canto afecte á vida, actividade e disciplina do centro, levando a cabo unha tarefa de continua promoción cultural, renovación académica e control.
  • Dereito a participar en asociacións, grupos de traballo, seminarios permanentes, etc., que teñan como finalidade a mellora no ensino.
  • Dereito a extremar o cumprimento das normas éticas que esixe a función docente.
  • Dereito a asistir puntualmente ao centro e ás xuntanzas que se convoquen.
  • Dereito a actualizarse no ensino.

8.— PROCEDIMENTO DE ACTUACIÓN COS ALUMNOS ACCIDENTADOS
Para pequenos contratempos utilizarase a botica de primeiros auxilios do centro para curar a ferida. Se o acédente é maior, chamarase inmediatamente á familia. Se a familia non pode facerse cargo do neno nese momento, ou a urxencia o require, o alumno/a será levado polos educadores ao centro médico máis próximo.

9.— RÉXIME DISCIPLINARIO

  • En caso de que un neno/a falte ao centro sen causa xustificada dous meses seguidos será baixa inmediata.
  • A cota mensual será aboada os cinco primeiros días de cada mes. En caso de que non a aboen sen causa xustificada darase de baixa ao neno/a no centro e perderá a súa praza e a subvención, en caso de gozar dela.

10.— RÉXIME DE COBRAMENTO DOS PREZOS
O cobramento efectuarase de acordo co réxime de taxas disposto no Decreto 70/2002, de 28 de febreiro, e coa respectiva ordenanza fiscal aprobada polo pleno da corporación da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra.

11.— SISTEMA DE ADMISIÓNS E BAIXAS
As altas e baixas efectuaranse de acordo co baremo especificado no Decreto 70/2002, de 28 de febreiro, e serán analizadas pola comisión de baremos do centro, que contará cun libro de rexistro dos usuarios, ademais de cun expediente individualizado para cada un deles.



Páxina Seguinte Páxina 1 2 3 4 5 [6] 7 8

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 04/10/2007 08:57
Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/